Un obradoiro de emprego porá en valor os xardíns do Pazo de Rianxiño

Obradoiro
Suso Souto
Fachada do Pazo de Rianxiño.

Rianxo. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de conceder unha subvención ó Concello de Rianxo para o desenvolvemento do obradoiro dual de emprego Pazo de Rianxiño, por importe de 377.990 euros.

Irá destinado a 15 alumnos-traballadores, con contratos de formación dunha duración de 12 meses e o seu correspondente profesorado.

Os participantes recibirán formación no ámbito da instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, que se centrará nos xardíns e arborado do Pazo de Rianxiño, contribuíndo ó seu mantemento e mellora, á vez que aprenden un oficio con amplas perspectivas de empregabilidade. Os traballos previstos abranguerán a conservación das árbores con valor ornamental, o acondicionamento de zonas axardinadas e a accesibilidade pensando nos futuros usuarios do centro de día. Tamén se eliminarán as especies danadas e en xeral o mantemento da finca durante un ano.

Asimesmo, formaranse sobre sementeiras, plantacións, podas, sistemas de rega e tratamentos fitosanitarios. O obradoiro iniciarase a comezos de novembro. s. souto