Denuncian a eliminación de catorce asignaturas no instituto pobrense

Educación
Suso Souto
Instalacións do IES da Pobra. Foto: Xunta

A POBRA. A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do IES da Pobra do Caramiñal iniciou unha recollida de sinaturas nos comercios e locais hostaleiros da vila para protestar polos recortes da plantilla do profesorado. A semana que vén convocará ademais unha concentración diante da casa consistorial. O colectivo denuncia que tiveron que ser eliminadas da oferta educativa un total de catorce asignaturas. Así, explica que en 1º de Bacherelato eliminouse todo o itinerario de Humanidades completo (Grego, Latín e Literatura Universal), así como Robótica, Tecnoloxía, Linguaxe Musical e Antropoloxía, e en 2º, Electrotecnia, Fundamentos da Administración e Xestión, Debuxo Artístico, Ética e Filosofía do Dereito, Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía. En 4º da ESO elimináronse Música e Cultura Clásica. s. souto