Denuncian os retrasos nas rutas de bus en Barbanza

Transporte público
Suso Souto
Mesa instalada polo BNG en Ribeira este sábado para recoller sinaturas ante as queixas polo transporte público. Foto: BNG

Ribeira. O BNG do Barbanza iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para esixir melloras no transporte público da comarca.

A formación faise eco das queixas dos usuarios ante o feito de que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. “Dous exemplos son o traxecto Ribeira-Noia que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, algo imposible para un autobús, ou o traxecto Aguiño-A Pobra, que sofre considerables atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada”, sinala a formación.

Outras queixas refírense á falta de información sobre as rutas e as paradas, “pois as marquesiñas carecen de horarios e a caseta de información da compañía nunca ten persoal de atención ó público”, explican dende o BNG.

Tamén denuncia que “tras a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo, os actuais, máis altos e con máis escaleiras, están provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas con discapacidade física ou a quenes teñen que acceder cun carro de crianza ou da compra”. s. souto