Deteñen a un rianxeiro por baixarse os pantalóns a carón dun parque, negarse a identificarse e agredir ós axentes

Detención
Suso Souto
Momento da detención. Foto: Policía Local de Rianxo

A Policía Local de Rianxo detivo este xoves a un veciño desta localidade como presunto autor dun delito de desobediencia grave, resistencia e atentado a axentes da autoridade. Os feitos ocorreron cando os axentes foron requeridos dende un local de hostalería ó atoparse a citada persoa en estado aparentemente ebrio, importunando e molestando á clientela, entre a que se encontraba unha persoa con discapacidade, incluso baixándose os pantalóns.

Cando se persoaron os axentes, o home estaba xa no exterior do establecemento, cos pantalóns baixados no medio da rúa, nas proximidades dun parque infantil no que había numerosos menores de idade. Tras negarse a identificarse en reiteradas ocasións, foi trasladado a dependencias policiais, onde agrediu de forma sorpresiva con puñetazos e patadas ós policías, que procederon á súa detención.

Un dos axentes tivo que ser asistido no centro de saúde da localidade como consecuencia dos golpes recibidos. O detido e as dilixencias practicadas foron traspasados á Garda Civil para a súa continuación e posta a disposición xudicial ante o Xulgado de Garda de Padrón.