Dez persoas en risco de exclusión formáronse en Rianxo como expendedoras de combustible

Exclusión social
Suso Souto
DIPLOMAS. Maricarmen Figueira, esquerda, e Miguel Beiro, técnico de Amicos, entregándolle o diploma a Jenifer, unha das alumnas. F: Amicos

Rianxo. A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos entregou os diplomas ós dez alumnos e alumnas que participaron nun curso de expendedor de combustible que se impartiu nas instalacións da Aula Activa do Mar de Rianxo.

As persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, veciñas de Rianxo, tiveron a oportunidade de formarse durante 20 horas nesa especialidade, en virtude dunha iniciativa levada a cabo pola entidade en colaboración coa Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo.

Na entrega de diplomas participaron a tenente de alcalde, Maricarmen Figueira Ares, e Keltoi Cameán, técnico do programa Más Empleo, quen destacou que “é a primeira vez que decidimos realizar esta formación e estamos moi contentos pola acollida que tivo”. “Agora empeza o traballo máis arduo, que é conseguir a inserción sociolaboral das persoas que decidiron formarse connosco”, engadiu ao respecto Cameán.

“No Concello estamos moi contentos de colaborar neste tipo de iniciativas, nas que se pretenden buscar novas saídas laborais ás persoas, especialmente ás que están en risco de exclusión”, dixo Figueira. s. s.