Dispoñibles colectores de aceite de cociña usado en 15 zonas da vila pobrense

Reciclaxe
Suso Souto
Novo contedor para a recollida de aceite de cociña usado, colocado na Pedreira. Foto: C.P.

A Pobra. O Concello da Pobra instalou un novo contedor destinado á recollida de aceite de cociña usado na explanada da Pedreira, no Camiño Ancho. Deste xeito, son xa 15 os dispoñibles no municipio.

Os demais están no lugar de Caíños; na rúa da Angustia; xunto á capela da Virxe do Monte; xunto á pista deportiva da rúa Venecia; na rúa do Curraliño; nas zonas verdes das rúas Lamas e Andrés e Barrantes (no barrio do Lagar); fronte ás pistas de tenis da Covecha; no aparcadoiro do recheo portuario; no parque do Castelo; no lugar da Costa; na Ribeiriña; na estrada de Lesón; e no paseo marítimo dos Areos, fronte ó supermercado Gadis.

Cómpre lembrar que o depósito do aceite debe realizarse en recipientes de plástico, senón escachan e producen verteduras. “É unha acción a prol do coidado do medio ambiente que busca a implicación da cidadanía”, sinalan dende o executivo local. s. s.