Dous mil escolares do Barbanza sumáronse ó festival da inclusión da asociación Amicos

Foron usuarios da entidade quenes deseñaron e fixeron as caixas de xogos que logo entregaron en 22 colexios
Persoas con discapacidade
Suso Souto
CEIP SANTA BAIA. Escolares do CEIP Santa Baia de Boiro participando onte nas actividades do festival organizado por Amicos. Foto: Amicos

Boiro. Nin sequera a COVID impediu que nunha data tan importante como a deste xoves, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, se celebrase na comarca do Barbanza o Festiritititi, o festival da inclusión a través do xogo que cada ano organiza a asociación Amicos.

E, aínda que non se puido celebrar un multitudinario acto como en edicións anteriores, nas actividades participaron máis de dous mil escolares de vinte e dous centros de ensino, que xogaron de maneira inclusiva nos seus propios recreos coas caixas cheas de xogos adaptados ás necesidades de apoio dos escolares e ás medidas fronte á pandemia que deseñaron, elaboraron e entregaron nos colexios usuarios e usuarias de dito colectivo de persoas con discapacidade intelectual.

O festival naceu no ano 2018 como unha maneira diferente de celebrar dita efeméride. Nese ano, trescentos escolares sumáronse á iniciativa. No ano 2019 asistiron seiscentos alumnos e alumnas de sete centros escolares. Na presente edición triplicouse o número de participantes. “A COVID parece que veu para quedarse un tempiño, pero esto non pode ser un impedimento para que os nosos nenos e nenas xoguen e desfruten no tempo do recreo”, sinalan dende a entidade, que agarda “poder celebrar moitos máis festivais Festiritititi do Barbanza”.

RECEPCIÓN EN RIBEIRA. Por outra banda, nun sinxelo acto institucional, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, recibiu na casa consistorial ás representantes dos tres colectivos da comarca que traballan pola inclusión das persoas con diversidade funcional: Milagros Rey, de Ambar; Digna Iglesias, de Amicos; e Montse Vila, da Creba.

Nas súas intervencións, as tres mulleres fixeron fincapé na necesidade de seguir traballando pola integración social e laboral das persoas con diversidade funcional e nas eivas que está a xerar a pandemia do coronavirus, por exemplo as relacionadas coa brecha dixital.

Pola súa banda, o rexedor tivo palabras de recoñecemento para as tres asociacións polo intenso e froitífero traballo diario que están a facer en favor dos discapacitados e discapacitadas da contorna.

Finalmente, Carolina Castro, unha usuaria de Amicos, leu un manifesto conmemorativo. s. souto