Eliminan un embude da rúa Ortiz coa cesión da esquina dunha vivenda

Infraestruturas viarias
Suso Souto
DERRUBE. Á esquerda, parte da vivenda que se vai derrubar para ensanchar a vía. Foto: C.R.

RIBEIRA. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinou un acordo coa titular dun inmoble lindeiro coa rúa Romero Ortiz para a cesión a uso público dunha pequena porción da súa propiedade que vai permitir a ampliación da citada vía nun treito da mesma e con isto gañar en mobilidade e accesibilidade, ao eliminarse o embude nese punto. A porción en cuestión ten unha superficie de 5,79 metros cadrados e o seu derrube permitirá aliñar esta marxe da rúa. O Concello comprometeuse a efectuar as obras necesarias para conservar os servizos da propiedade, incluíndo a reposición do muro e alambrada existentes. Cómpre lembrar que actualmente se están a executar na vía Romero Ortiz obras para a colocación de plataforma única dirixidas a mellorar a accesibilidade e que comportan un investimento superior aos 119.000 euros. S. S.