Na provincia beneficiaranse das axudas para a contratación indefinida un total de 86 persoas, das cales 53 pertencen a concellos da área compostelá // Santa Comba e Mazaricos son as dúas vilas que recibiron a maior subvención TEXTO Claudina Estévez

Emprego estable e de calidade para os municipios do rural

Emprego
Claudina Estévez
O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, durante a presentación das axudas. Foto: Deputación da Coruña

Un total de 86 persoas vanse beneficiar este ano das subvencións da Deputación da Coruña para financiar a contratación indefinida en microempresas e Pemes da provincia. E é que a institución provincial vén de publicar no BOP a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Pemes Mantemento do cadro de persoal, das que se beneficiarán, como se dixo, un total de 86 microempresas, Pemes e persoas profesionais autónomas con domicilio fiscal en municipios de menos de vinte mil habitantes da provincia. O importe total de axudas concedidas é de 864.306,36 euros.

No caso concreto dos concellos que conforman a área compostelá, o montante global é de 564.050,01 euros, e son 53 as persoas beneficiadas. Segundo explicou Valentín González Formoso, ante o difícil panorama socioeconómico actual, o ente provincial decidiu suplementar o crédito destinado a esta convocatoria para poder conceder todos os apoios solicitados a aquelas empresas que cumprisen os requisitos esixidos nas bases reguladoras. De aí que finalmente o orzamento inicial de 500.000 euros se incrementase ata acadar os 864.306 euros necesarios para conceder as axudas ás 86 empresas solicitantes que cumprían todos os requisitos.

Estas empresas recibirán unha subvención do Pel por segundo ano consecutivo, co que sufragarán o 50 % dos custes laborais, incluíndo os de soldos e salarios e Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas con carácter indefinido durante o pasado ano 2020.

Atendendo á distribución das subvencións por concellos, na área compostelá destaca Santa Comba, con oito axudas concedidas por un importe de 80.800 euros, seguida de Mazaricos, con sete subvencións por valor de 66.931 euros.

En canto á tipoloxía do negocio das entidades beneficiarias, a maioría son microempresas (supoñen un total do 59 %) seguidas de autónomos (un 35 % do total). A porcentaxe que queda, un 6 %, corresponde a medianas empresas. Ao outorgar estas axudas, segundo explican dende a Deputación, o PEL continúa a súa senda de xeración de emprego estable e de calidade na provincia, impulsando desta forma a creación de novos postos de traballo e tamén o mantememento das contratacións que teñen carácter de indefinidas.