Escolares de Rianxo pintan un mural feminista nunha praza de Taragoña

Feminismo
Suso Souto
Un cativo da Escola de Educación Infantil Rosalía de Castro de Rianxo colaborando na elaboración do mural. Foto: EEI R. de Castro

O pasado día 8 de marzo, o CEIP San Benito da cidade de Madrid tiña programada unha visita didáctica ao coñecido como Mural Feminista de Ciudad Lineal. Á primeira hora desa mañá, a ANPA do centro facía pública a consternación da comunidade escolar ante a nova da agresión da que poucas horas antes fora obxecto o mural, coa ocultación dos textos e dos rostros das mulleres alí representadas. A partir dese momento, sucedéronse continuas mostras de rexeitamento ao boicot realizado, pero tamén numerosas iniciativas para multiplicar na maior cantidade posible de espazos a mensaxe deste agredido mural feminista.

A Escola de Educación Infantil Rosalía de Castro (escola do Cruceiro) do Centro Rural Agrupado (CRA) de Rianxo fixo seu ese chamamento e propúxose como obxectivo realizar, xunto coa comunidade educativa, un mural que reivindique o papel da muller na Historia e nas conquistas sociais.

Como primeiro paso, e durante a pasada semana, os alumnos e alumnas de dito centro realizaron pequenos debuxos en cartolina dedicados a oito mulleres de significativa importancia para as crianzas e para a comunidade en xeral. A partir da presente semana, obtido o visto bo do Concello para acometer a actuación, realizarase un mural na praza pública sita en Campos de Pasos (Taragoña) e a carón da escola Rosalía de Castro.

Respectando en todo momento as normas sanitarias e o protocolo de actuación ante a pandemia derivada da COVID, a creación corre a cargo do alumnado e membros da comunidade educativa, así como tamén de artistas colaboradores como Raúl Gil Burés, Natalia Horschovski, Electra Menéndez, Irene Ordóñez e Alfonso Martínez.