Esgotadas as entradas do festival noiés de arpa antes do seu arranque

Festival Musical
Suso Souto
A arpista Marianne Gubri manterá un encontro con estudantes de dito instrumento.

NOIA. O municipio de Noia prepárase para celebrar unha nova edición (a oitava) do seu Festival Internacional de Arpa (Noia Harp Fest) con todas as prazas reservadas antes do seu inicio. O certame, que se celebrará entre o 4 e o 6 de agosto a ceo aberto tanto nos xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre como na Praza do Tapal, xa conta con lista de agarda para poder acceder aos recintos e gozar, gratuitamente, da música producida por este instrumento. Por outra banda, xunto aos concertos programados, o festival propón o encontro entre figuras convidadas e estudantes ou interesadas na arpa en horario de mañá, de xeito que arpistas como Marianne Gubri, Aiste Bruzaite ou Ana Crisman compartirán os seus coñecementos. Quedan prazas dispoñibles para estes obradoiros, gratuítos, que se poden reservar a través de noiaharpfest.gal. s. s.