Estudantes boirenses saíron ó campo para identificar especies invasoras

Especies invasoras
Suso Souto
ACTIVIDADE. Alumnos do IES A Cachada na saída ó campo para identificar especies invasoras. Foto: C. de Boiro

Boiro. O Concello de Boiro, a través do departamento de Medio Ambiente, levou a cabo co alumnado do IES A Cachada unha actividade para dar a coñecer a problemática das especies exóticas invasoras na contorna e dar a coñecer aquelas que están en perigo de extinción.

Na actividade, que impartiu o persoal do citado departamento municipal, participou o alumnado do Club de Ciencia do IES A Cachada. Entre os obxectivos desta xornada estaban os de identificar as especies exóticas invasoras máis problemáticas e dar a coñecer os danos que causan ao medioambiente, como son problemas ecolóxicos, económicos e de saúde.

Tamén son obxectivos desta actividade educativa promover as boas prácticas para evitar a propagación desas especies; dar a coñecer aquelas que teñen certo grao de protección ao encontrarse ameazadas ou en perigo de extinción e comprender a importancia da súa conservación, así como explicar o concepto de ecosistema.

O Concello de Boiro está levando a cabo actividades de divulgación en materia medioambiental para dar a coñecer entre os escolares as características do noso medio natural e tamén para a sensibilización, inculcándolles o respecto pola natureza.

Hai uns días, alumnos do CEIP Praia Xardín estiveron no esteiro do río Coroño para descubrir o seu medio físico e as propiedades da vida que se alberga nel, así como coñecer a flora e a fauna que forma este ecosistema. s. s.