Exitoso ciclo de visitas nocturnas a miradoiros e petróglifos de Carnota

Turismo
Suso Souto
laxiñas. Un grupo de participantes na visita nocturna realizada ós petróglifos das Laxiñas, en Carnota. Foto: C.C.

carnota. O Concello de Carnota está levando a cabo un ciclo de roteiros nocturnos incluídos dentro da programación turística do verán. O primeiro dos itinerarios tivo moi boa acollida. Un nutrido grupo de participantes puideron desfrutar da paisaxe e dun máxico solpor dende o mirador de Lira, visualizar os gravados dos petróglifos das Laxiñas e ata ver as estrelas. Para este mércores día 4 está prevista unha subida ao Monte Pindo. Haberá outra visita nocturna o mércores 11 ó denominado Museo Arqueolóxico Aberto. Tamén o mércores 18 está programada a proposta da ruta turística Carnota e o seu patrimonio, para coñecer Caldebarcos, e outra para o mércores 25, neste caso por Lira. En todos os casos é necesaria a inscrición previa. Por outra banda, a programación cultural para este verán en Carnota inclúe para este xoves ó mediodía no Campo do Viso o espectáculo musical de monicreques titulado Contacontos do ceo, da terra e do mar, dirixido a nenos e nenas maiores de tres anos. E o venres día seis proxectaranse as películas Donkey Xote e Adú ás 12.00 e ás 22.00 horas, tamén no Campo do Viso, para público familiar e adulto. Asimesmo, David Perdomo ofrecerá un monólogo o domingo ás 21.00 horas na Praza da Solaina. s. souto