Expoñen as creacións da residencia artística de Boiro no Pazo de Goiáns

Exposición
Suso Souto
INAUGURACIÓN. María Outeiral, segunda pola esquerda, coas artistas. Foto: C. de Boiro

BOIRO. O Pazo de Goiáns (Boiro) acollerá durante todo o mes de outubro a mostra Residentes, cos traballos de Clara Álvarez, Deebo Barreiro e Sol Álvarez. A edil de Cultura, María Outeiral, e a directora da galería La Doce, María Magán, acompañaron ás artistas na inauguración. O Concello e La doce convocaron o certame Residente: residencias artísticas de Boiro, para incentivar a creatividade e a produción artística visual para contribuír á consolidación e crecemento do sector artístico local. Os traballos expostos son os das artistas gañadoras. Sol Álvarez mostra as pezas de cianotipia realizadas cunha impresión de imaxes en telas; Deebo Barreiro, fotografías de peles de persoas vinculadas co mundo do mar; e Clara Álvarez, material queimado recollido do incendio forestal deste verán en Boiro, e cerámica feita con esa cinza. s. s.