Fan no campo de fútbol de Valiño a parte práctica dun taller forestal

Os alumnos realizaron tamén rozas e podas na finca do boirense Pazo de Goiáns
Gestión Forestal
Suso Souto
Alumnos do taller forestal de Boiro realizando traballos no campo de fútbol de Valiño. Foto: C.B.

Boiro. O alumnado do obradoiro de emprego en xestión forestal Torre Goiáns que desenvolve o Concello de Boiro realizou traballos de mellora e valorización da finca forestal nas inmediacións do campo de fútbol de Valiño. Estas actuacións, que tamén se levaron a cabo recentemente na finca do Pazo de Goiáns (neste caso, rozas e podas) forman parte dos traballos prácticos da formación que están a recibir os participantes no mencionado taller.

No obradoiro estanse formando un total de vinte alumnos e alumnas, divididos en dúas modalidades. Unha parte deles estanse capacitando en actividades auxiliares en conservación, e outra parte fórmanse en mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

O alumnado realizou parte da formación práctica nas inmediacións do campo de fútbol de Valiño para a mellora e valorización da finca forestal.

Ademais da formación teórica e a posta en práctica das habilidades adquiridas, abórdanse tamén competencias xenéricas e destrezas para a busca de emprego.

O Concello de Boiro desenvolve o obradoiro de emprego en xestión forestal Torre Goiáns durante o curso 2021-2022 mediante o financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, segundo lembra a administración local. s. s.