Ferido un vendedor ambulante ao que lle ardeu o seu posto en Porto do Son

O home sufriu queimaduras importantes nos pés // A súa muller tamén tivo que ser atendida por unha crise nerviosa // Apenas puideron salvar algúns obxectos persoais
Sucesos
Manuel Lavandeira
Bombeiros de Ribeira e membros do GES de Noia acudiron a sofocar o incendio. Foto: Bombeiros de Ribeira

Un incendio nun posto de roupa situado na Avenida de Galicia, en Porto do Son, deixou ferido ao home que o rexentaba, que sufriu importantes queimaduras nos pés. A súa muller, que tamén estaba presente no punto de venda ambulante, tivo que recibir igualmente asistencia médica tras sufrir unha crise nerviosa.

O posto resultou completamente calcinado e apenas puideron salvar algúns obxectos persoais e algo de mercadoría.

Pouco antes das cinco da madrugada, O 112 Galicia atendeu preto dunha vintena de chamadas de persoas particulares que solicitaban asistencia urxente polo incendio nun posto de venda ambulante en Porto do Son. As chamas era completamente visibles desde varios puntos, o que suscitou a maior parte das comunicacións co 112.

A maiores dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Ribeira e dos membros do GES de Noia co fin de atallar o incendio, que podía apreciarse desde diferentes puntos da vila. O operativo completouse co apoio dos axentes da Garda Civil.