Financiará a patronal boirense a metade do custo de envíos dos seus socios con Halcourier

Empresarios
Suso Souto
O presidente da patronal de Boiro, Daniel García, e Gisela Nair, de Halcourier Boiro. Foto: ABE

Boiro. A patronal de Boiro vén de asinar un convenio de colaboración con Halcourier polo que os socios e socias da entidade teñen prezos especiais para realizar os seus envíos de produtos. Ademais, froito deste convenio, Halcourier Boiro pon en marcha un novo servizo de envío de proximidade polo que poden realizar os envíos a Boiro, A Pobra e Ribeira a prezos reducidos.

Coa sinatura deste acordo o comercio local poderá mellorar a súa competitividade e avanzar no proceso de dixitalización imprescindible no contexto actual. En pararelo a esta iniciativa, a patronal pon en marcha un proxecto sen precedentes no mundo do tecido asociativo comercial, xa que habilita unha liña de subvencións para todos os socios e socias que realicen os envíos a través de Halcourier. Deste xeito, subvencionará ata o cincuenta por cento dos custes de envío que fagan os seus asociados a través de dita empresa (ata 150 euros ó ano).

Para este ano destinará catro mil € a esta liña de axudas. O presidente da Asociación Boirense de Empresarios, Daniel García, asinou o acordo coa representante de dita firma na vila, Gisela Nair. s. souto