Firme apoio autonómico para proxectos veciñais con 3 millóns en axudas

Comunidades de vecinos
Suso Souto
presentación. Pola esquerda, Beatriz Rosende, edil de Relacións Veciñais; María Barreiro, xefa territorial; Freire; Trenor; e Ana García, edil de Parques e Xardíns. Foto: Xunta

NOIA. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, reuniuse con representantes de varias asociacións de veciños do municipio para animar aos seus representantes a solicitar as axudas do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais que están abertas xa ata o día 17 de febreiro. A Xunta manterá a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado para garantir a actividade destes colectivos. De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas. s. souto