Forte aposta do Barbanza pola creación audiovisual no eido educativo

Audiovisual
Suso Souto
CONVENIO. Fátima Cachafeiro, Adolfo Muíños, Santiago García e José Ramón Romero, tras firmar o convenio da Mancomunidade ca asociación Alberto Romero. Foto: Suso Souto

O vicepresidente da Mancomunidade Barbanza-Arousa e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e Santiago García, representante da asociación cultural Alberto Romero, asinaron este martes un convenio para colaborar, impulsar, difundir e promocionar as actividades de dita entidade.

O colectivo ten como fin principal a promoción da cultura audiovisual a través do seu certame de curtas, que leva celebrándose dende fai catro anos nos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo e que conta con moi boa acollida entre o público en xeral.

A Mancomunidade comprométese a colaborar con 1.200 euros na quinta edición de dito certame, no que participan alumnos dende Primaria ata Bacharelato, ademais de contar cunha categoría para usuarios dos centros de diversidade funcional e outra libre aberta a todos aqueles que queiran participar.

Este ano, o concurso terá lugar a finais de febreiro de 2021 e contará con catro premios nas diferentes categorías, de 300 euros cada un.

De forma paralela, realízanse actividades formativas anuais nos catro concellos de como realizar unha curtametraxe. Trátase de cursos gratuítos que en 2021 se impartirán de xeito telemático.

Nesta edición, a modalidade de diversidade funcional será aberta a toda Galicia.

O plazo para a presentación de traballos está aberto xa ata o día 31 de decembro.

Con este acordo, a entidade supramunicipal respalda o traballo de profesionais, entidades e asociacións culturais do territorio, apostando así por unha implicación en proxectos culturais cos que poder consolidar unha proposta de turismo creativo.