Impulso ó emprego xuvenil na Pobra cun itinerario formativo de limpeza

Desenvolverase entre o día 9 de agosto e o 21 de outubro e ofertan un total de doce prazas
Emprego
Marta Torres
Cerecedo, á dereita, durante a presentación do itinerario formativo. Foto: C. P.

A Pobra. O Concello de A Pobra vén de presentar o itinerario de cualificación na ocupación de limpeza, conservación e mantemento urbano que se desenvolverá no municipio entre o día 9 de agosto e o 21 de outubro, para o cal se oferta un total de 12 prazas.

Segundo explicou a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo, este proxecto ten por obxecto “o emprego xuvenil, sobre todo, naqueles concellos onde o saldo demográfico é negativo”.

Esta acción consta dun total de 300 horas lectivas, de luns a venres, en horario de 09.00 a 15.00 horas. Os módulos que o integran son: albanelaría e obra civil, limpeza industrial e urbana, xardinaría, arte urbana, emprendemento e coaching. As prácticas desenvolveranse en diferentes lugares do concello que garden relación coas competencias impartidas.

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos, entre eles, ter entre 16 e 30 anos, estar de alta como demandante de emprego e estar empadroado no municipio pobrense.

Máis información no Servizo de Orientación Laboral ou chamando ó 981 377 610. m. t.