Inauguran a mostra ‘Arte da mar’ no Liceo de Noia

Exposicións
Suso Souto
Imaxe da mostra inaugurada no Liceo noiés. Foto: Liceo de Noia

NOIA. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puxo de relevo este sábado en Noia a importancia de difundir os valores medioambientais co obxectivo de acadar uns mares máis limpos. Nesta liña salientou o labor da frota como “primeira interesada na conservación da contorna mariña e dos recursos pesqueiros” e fixo fincapé na necesidade de coidar o mar, pois da súa saúde depende a economía local que se asenta na pesca e na cultura mariñeira e o futuro das novas xeracións.

Así o sinalou na inauguración da exposición Arte da mar, enmarcada no proxecto Econoia, unha das iniciativas apoiadas na convocatoria de axudas da Xunta de 2020 a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar. Ademais, a directora xeral destacou a relevancia de integrar nas operativas do sector boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño e esa é unha das premisas do plan Marlimpo, ligado ao ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. A mostra está composta por pezas da cultura mariñeira atopadas nos bancos marisqueiros, creadas a partir dos materiais reutilizados co lixo mariño atopado nas oito limpezas que se realizaron. Poderá visitarse en xuño e xullo en Noia e en agosto no centro náutico do Freixo. S. Souto