Inician os traballos para dotar da rede de abastecemento ó núcleo de Bretal

Abastecemento de auga
Suso Souto
Treito no que se fará a rede de abastecemento en Bretal. Foto: C.R.

Ribeira. O Concello de Ribeira vén de iniciar as obras para dotar de rede de abastecemento de auga a un tramo do núcleo de Bretal (na parroquia de Olveira) que carecía deste servizo municipal e que viña sendo reclamado dende hai tempo polos veciños.

En concreto, vanse colocar dúas tubaxes de polietileno de alta densidade: unha de 120 metros de longo e 75 milímetros que descorrerá en paralelo á estrada AC-303, e outra de 31 metros e 50 milímetros disposta nun ramal.

O custe da mencionada intervención ascende a un total de 11.188 euros, IVE incluído, que serán cofinanciados cunha achega procedente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, segundo confirmaron dende a administración local.

O executivo ribeirense, que preside Manuel Ruiz Rivas, destaca a importancia destes traballos no marco do plan municipal para modernizar as redes de servicios de abastecemento e saneamento. s. s.