Instan a revisar a titularidade dos bens da Igrexa na capital barbanzá

Os socialistas din que existen “dúbidas” e que algúns deberían figurar no inventario municipal
Iglesia
Suso Souto
Fachada da igrexa parroquial de Palmeira, en Ribeira. Foto: Suso Souto

Ribeira. O PSOE de Ribeira vén de facer unha consulta a través dun buscador para coñecer cales son os bens inmobles que están inventariados pola Igrexa católica no municipio e, segundo sinalou o portavoz de dita formación na Corporación local, José Manuel Vilas, “na relación deses bens, que nos debería interesar sobremaneira”, non figuran “todos os que ten”.

Vilas engade que “ante as dúbidas susceptibles sobre a propiedade dalgún ben mencionado en dita lista”, é convinte que o Concello leve a cabo “a pertinente comprobación”. O edil socialista entende ao respecto que “algún deles debería figurar no Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Ribeira”.

A través dunha iniciativa rexistrada no consistorio, Vilas insta á administración local ribeirense a adoptar as medidas pertinentes de cara a realizar “a demostración da correspondente referencia catastral de cada inmoble reseñado, para así efectuar o seu seguimento e comprobación gráfica oportuna”.

Segundo explicou o portavoz do PSOE, na mencionada lista figuran vinte e sete bens inventariados a nome da Igrexa en Ribeira, entre templos, salóns parroquiais, parcelas e cemiterios. s. s.