Intercambio xeracional entre nenos pobrenses e maiores do centro de día

persoas maiores
Suso Souto
ACTIVIDDAES. Un grupo de nenos e nenas dos obradoiros de conciliación de verán con usuarios do centro de día da Pobra nunha das actividades que realizaron xuntos. Foto: C.P.

A POBRA. As rapazas e rapaces que participan nos obradoiros de conciliación de verán Móvete do Concello da Pobra do Caramiñal atópanse compartindo experiencias coas persoas maiores usuarias do centro de día da localidade. Os cativos asistiron á citada instalación para interpretar un popurrí de cancións tradicionais galegas e outras pertencentes a xéneros contemporáneos. Outra das actividades celebradas esta semana foi con motivo do Día dos Avós, no cal os nenos e nenas quixeron felicitalos cunha performance e un poema de Saramago, trasladándolles así o seu agarimo. Deseguido, estiveron conversando sobre os xogos e xoguetes máis populares da infancia dos anciáns. Para os vindeiros días está previsto que compartan o contacontos A que sabe a Lúa? e desenvolverase tamén un espectáculo de maxia e monicreques. s. souto