Levantan o teito e impermeabilizan por segunda vez o arquivo da Pobra

Black Friday
Suso Souto
O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, e a edil de Cultura, Patricia Lojo, supervisando as obras. Foto: C.P.

A Pobra. O Concello da Pobra viuse obrigado a poñer en marcha unha segunda actuación para solucionar os graves problemas de infiltracións de auga no arquivo municipal. Así, despois de ter investido 14.000 euros a pasada lexislatura sen conseguir arranxar a situación, agora estanse levando a cabo obras consistentes na impermeabilización de toda a parte exterior da instalación (situada no semisoto da casa consistorial), a entrada ás dependencias da Policía Local e as escaleiras de acceso ó Concello pola parte traseira.

Máis polo miúdo, procederase ao picado e demolición do pavimento existente, incluído o desentullo e a retirada a un vertedoiro autorizado; á apertura dunha roza perimetral para o remate da impermeabilización cunha selaxe con masilla elástica de poliuretano; ó tratamento previo do soporte; á aplicación de imprimación seladora; á aplicación de dúas capas de lámina impermeabilizante; á administración de materiais que conforman unha membrana elastomérica, elástica e impermeable que se fixa firmemente en zonas críticas e remates; e a novos acabados e tratamento da zona de escaleiras de acceso ao edificio.

A intervención está sendo realizada por Impernosa e conta cun investimento de 48.374 euros.

Está previsto que estes traballos conclúan antes de que finalice o ano.

O alcalde, Lois Piñeiro, anunciou a existencia dun proxecto para construír encima do arquivo unhas novas dependencias con oficinas. s. s.