Licitan a área recreativa para o colexio de Asados

Colexios
Suso Souto
Colexio Ana María Diéguez de Rianxo, que se vai dotar de área recreativa infantil. Foto: C.

Rianxo. A Deputación Provincial da Coruña vai destinar, a través do Plan Único, un total de 38.220 euros para financiar un proxecto para a instalación dun área recreativa infantil no CEIP Ana María Diéguez, na parroquia rianxeira de Asados.

A actuación, que vén de saír a licitación pública, permitirá crear dúas zonas diferenciadas. A primeira, destinada aos nenos e nenas de Educación Infantil, estará situada no patio interior, onde se instalarán un novo tobogán e unha casiña de xogos e tamén se renovará o chan de caucho existente na zona de seguridade do tobogán.

A segunda zona, para o conxunto do alumnado do centro educativo, estará no xardín traseiro, onde se instalarán unha serie de xogos que configurarán un circuíto de aventuras que constará de escaleiras, pontes, cordas, redes, etc., fabricados con madeira provinte de bosques xestionados de maneira sostible, segundo indicaron fontes da administración provincial.

O prazo para presentar ofertas á licitación deste proxecto remata o día 29 de marzo e o tempo de execución dos traballos desde o comezo das obras será dun mes. s. s.