Licitan a execución de beirarrúas e a mellora da rede da traída en Esteiro

Colocan balizas de Led para sinalizar pasos de peóns na avenida da Constitución boirense
Beirarrúas
Suso Souto
Planchas de caucho nos espazos das árbores da rúa Manuel María. Foto: C.B.

Boiro. O Concello de Boiro saca a licitación o proxecto para a execución de beirarrúas e servizos no lugar de Esteiro, en Cabo de Cruz. As obras, que teñen un orzamento de 82.666 €, vanse executar con cargo ó Plan Único POS-2020.

A actuación executarase na beira sur do lugar, seguindo o trazado das beirarrúas existentes, entre o núcleo de Esteiro e a estrada que une Boiro e Cabo de Cruz, a DP-1107. Aproveitando esta actuación preténdese realizar a rede de recollida de pluviais e mellorar a traída municipal de auga potable, instalando tamén bocas de incendio.

Neste lugar van contar con conducións para a recollida de pluviais e as canalizacións de auga potable. Unha vez estén instaladas, vaise proceder á execución das beirarrúas, cun metro e medio de ancho.

Por outra banda, operarios municipais colocaron balizas de iluminación Led no asfalto da avenida da Constitución, no centro de Boiro, para sinalizar os pasos de peóns máis conflitivos e con menor visibilidade. Tamén se suprimiron algunhas prazas de aparcamento que impedían a visibilidade e marcáronse potras para bicis e motos. Asimesmo, puxeron planchas de caucho nos espazos das árbores da rúa Manuel María. s. s.