Licitan a execución de beirarrúas na Gándara, no límite con O Son

Construirase un treito de trescentos metros e instalarase unha rede de drenaxe de pluviais
Beirarrúas
Suso Souto
Treito da estrada da Gándara no que se van construír beirarrúas. Foto: C.R.

Ribeira. O Concello de Ribeira vén de licitar as obras de construción dun treito de 300 metros de beirarrúas na estrada AC-550 ao seu paso polo lugar na Gándara, na parroquia de Oleiros, no límite co municipio de Porto do Son.

O obxectivo que se persegue reside en aumentar a seguridade no tránsito peonil e, para alcanzar esta fin, reordenarase a zona de tránsito de viandantes construíndo beirarrúas a base dun pavimento continuo de formigón, tratando de lograr un ancho mínimo de 1,50 metros.

Previamente, realizaranse labores de limpeza e demolición das soleiras existentes.

Ademais, instalarase unha rede de drenaxe de augas pluviais consistente na colocación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiro ao longo do percorrido das beirarrúas e en paralelo ás mesmas.

O orzamento ascende a 56.611 euros, IVE incluído, e a actuación está enmarcada no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ adicional 2019.

As ofertas poden ser presentadas ata a medianoite do vindeiro día cinco de abril a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (Silex). s. souto