Lorenzana destaca o auxe do emprego na construción ao clausurar a escola-taller conxunta entre Ribeira e O Son

Obradoiro de emprego
Suso Souto
DIPLOMAS. María Jesús Lorenzana, centro, flanqueada por Ruiz e Maneiro, cos alumnos da escola-taller tras a entrega dos diplomas. Foto: C.R.

Ribeira. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou este mércores a primeira edición da escola-taller Serra do Barbanza, na que se formaron durante un ano nas especialidades de pavimentación e albanelería de urbanización doce mozos e mozas de Ribeira e O Son.

No acto participaron tamén o alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, e a tenente de alcalde sonense, María Maneiro, quenes destacaron a alianza formativa entre ambos municipios, que xa levan posto en marcha conxuntamente outros 8 obradoiros de emprego denominados Tahúme.

Lorenzana dixo que o sector da construción está demandando moito persoal cualificado, e significou a oportunidade que supuxo o obradoiro para formarse nun ámbito profesional “que agora está entre os que máis traballadores demanda en Galicia, que representa un 6,5 % do noso PIB e no que aumentaron as afiliacións á Seguridade Social un 3,9 % no primeiro trimestre de 2022”.

Durante a súa formación práctica, os alumnos fixeron obras de mellora da accesibilidade na estrada xeral AC-550, en O Son, e beirarrúas en Pé do Corniño, en Ribeira. s. s.