Lorenzo exhibe na súa terra a mostra de pintura ‘Sempre con Lousame’

Pintura
María Cano
Lorenzo, centro, no acto inaugural ao que asistiron medio cento de veciños. Foto: Concello

lousame. Juan Carlos Lorenzo, pintor autodidacta e veciño de Tállara, inaugurou a súa segunda exposición de pintura na casa da cultura lousamiá, denominada Sempre con Lousame. Un acto no que estivo acompañado pola alcaldesa Teresa Villaverde e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, á fronte de medio cento de lugareños, sobre todo integrantes do grupo de gaitas O Son do Pote e da Coral de Lousame, grupos nos que tamén participa Lorenzo. “Dende pequeno sempre me gustou pintar, máis ben a carboncillo. A raíz do meu retiro, contactei cun veciño e comecei a pintar”, dixo o artista. A mostra inaugurada recolle trinta óleos, dos que vinte e seis son de paisaxes lousamiás e os outros catro son bodegóns e embarcacións, en lembranza do tempo que estivo embarcado. Os interesados poderán visitala ata o 30 de outubro. m. cano