Mar analizará a viabilidade dun embarque de pasaxeiros en Rianxo

Adolfo Muíños propón o peirao da Te, no que non resultaría preciso facer unha dragaxe
Turismo náutico
Suso Souto
Susana Lenguas, esquerda, Rosa Quintana e Adolfo Muíños, durante a reunión. Foto. Xunta

Rianxo. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantiveron este luns unha reunión co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, na que avaliaron a viabilidade de habilitar un punto de embarque para pasaxeiros no peirao da localidade.

As representantes do Executivo galego instaron ao Concello a presentar unha proposta de zona de atracada que recolla os requisitos necesarios en materia de seguridade do tránsito peonil polo peirao e as actuacións de sinalización requiridas.

Unha vez recibida dita proposta, segundo explicaron, o equipo técnico de Portos de Galicia avaliará a súa viabilidade, toda vez que se teña formalizado o interese por parte dalgunha navieira na prestación deste servizo.

Pola súa banda, o rexedor dixo que “queremos apostar polo turismo mariñeiro” e lembrou que “dende o Concello xa organizamos nos últimos anos varias saídas pola ría con fins turísticos”, pero que, para elo, tiveron que utilizarse prazas de amarre prestadas polo Club Náutico.

O mandatario rianxeiro sinala que unha das ubicacións que lle vai propoñer á Xunta para facer o punto de embarque é o peirao da Te, onde non sería preciso realizar unha dragaxe por cuestións de calado, “dado que se programarían as entradas e saídas en función das mareas”.

Muíños sinalou asimesmo que “tamén hai varios emprendedores locais interesados en ter un punto de embarque para facer saídas en embarcacións de recreo”. s. s.