Mar vai dotar ó porto ribeirense de novas defensas e escaleiras

Colocaranse no entorno da antiga lonxa e da fábrica de xeo // A mesma actuación farase en Muxía e Camariñas e o custo é de 566.525 €
Portos
Suso Souto
Imaxe da pasarela de acceso a un dos pantaláns do porto de Ribeira. Foto: Suso Souto

A Consellería de Mar, a través do ente público Portos de Galicia, procederá a adxudicar nas vindeiras semanas os traballos para a renovación das defensas e escaleiras no porto de Ribeira. A actuación ten un orzamento de licitación de 566.525 € e inclúe tamén tarefas similares nos portos de Muxía e Camariñas.

Dacordo co disposto no proxecto aprobado e co obxectivo de mellorar de forma adecuada e continua as infraestruturas portuarias, xorde a necesidade, nos peiraos pesqueiros das citadas localidades, de substituír as actuais defensas deterioradas do tipo vertical. No caso de Ribeira, debido aos cambios producidos coa creación da nova lonxa e, por tanto, o traslado de zonas de atraque, observouse que a zona do peirao de atraque da antiga lonxa, así como o da fábrica de xeo, carecen de defensas nunhas condicións adecuadas para as embarcacións, así como das correspondentes escaleiras.

En consecuencia, o departamento autonómico considera necesario implantar novas defensas e escaleiras dacordo ao actual ordenamento dos portos, facilitándose con iso uns medios de protección máis adecuados ao uso que teñen, optimizándose así os atraques e mellorando a seguridade e operatividade das actividades que se realizan en ditos recintos.

Por este motivo, proxectouse a retirada de defensas de rosario e a realización dunhas novas tipo VA en ditos portos. Asimesmo, colocaranse novas escaleiras para mellorar a seguridade e operatividade dos usuarios. Esta actuación sumarase á proxectada reordenación da dársena.