Maruja Mallo protagoniza a primeira parte dunha exposición virtual en Lousame en clave feminina

Día Internacional da Muller Traballadora
Suso Souto
Imaxe da pintora Maruja Mallo. Foto. La cámara del arte

LOUSAME. Con Motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Lousame elaborou unha exposición para a súa difusión nas redes sociais. Consta de catro dossieres que se irán publicando semanalmente. A mostra leva por título Elas: sen elas a Historia non está completa.

O primeiro dossier está dedicado á figura da pintora Maruja Mallo, e nel aparecen diferentes hipervínculos que levan a coñecer máis en profundidade a súa figura: biografía, obra, xeración, contexto histórico, documental e entrevista. A iniciativa presenta a Maruja Mallo (nacida en Viveiro en 1902 e falecida en Madrid en 1955) como “unha das mellores e máis plaxiadas pintoras españolas de todos os tempos”. Inclúe o documental Las sin sombrero, unha peza audiovisual na que se tratan as vidas das artistas pertencentes á xeración do 27, contextualizándoas na época na que viviron.

Asimesmo, ofrécese un videoconto para nenos titulado La increíble historia de Maruja Mallo. Tamén se invita a coñecer algunhas das súas pinturas, que se exhiben no Museo Nacional de Arte Reina Sofía. Asimesmo, ponse a disposición do público unha entrevista á pintora.

Marula Mallo ingresou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, onde creou o seu círculo de amizades con figuras como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Concha Méndez, Margarita Manso ou Luis Buñuel, entre outros, debido a que en 1922 se estaba xestando unha nova xeración vangardista da cual a maioría deles formaban parte, e que serían partícipes do movemento surrealista e da denominada xeración do 27.

O segundo dos dossieres elaborado polo Concello de Lousame no marco da citada iniciativa estará dedicado a Isabel Zendal; o terceiro, a Meigas, María Soliña, Ana de Castro, Lucía Fidalgo e María Rodríguez. O cuarto está aínda por definir, pero darase a coñecer nos vindeiros días, según a administración local. S. S.