Nace o sábado en Goiáns un mercado de artesanía con vinte postos

Ó longo da xornada vai haber obradoiros e ofrecerán concertos Mallou e The Cuncas
Artesanía
Suso Souto
A concelleira de Cultura, María Outeiral, na presentación do mercado. Foto: C.B.

Boiro. O Concello de Boiro organizou para este sábado día 19 un mercado de artesanía na contorna do Pazo de Goiáns. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou o programa de actividades que se van desenvolver e os postos que se van instalar.

O obxectivo desta actividade é xerar un espazo de oportunidades profesionais do mundo da artesanía, as artes e o traballo de artistas e profesionais da localidade e da comarca do Barbanza.

O Mercado da Serea vai contar cunha vintena de postos, dos cales cinco son de Boiro, con produtos diferentes, de ilustración, xoiaría, roupa de autora, complementos, cerámica, coiro, estampación, instrumentos musicais, escritura e cervexa artesanal. Vaise instalar na contorna do histórico pazo entre as once da mañá e as nove da tarde.

Milena Joyas, Deica Creacións, Arco da Vella, Amorote, Jatafarta, Conloquetengo, Salsa Gaucha, Os Alegres, Alén das olas, Xurelo asmático, Redeiras Illa da Estela, Tejeluz, Imprimitresde, Da ría Luv, Carracuca, Jardinería Espiñeira, Pedras de Papel, Raposiñas, Guitarras Vieites e Cervexas Meiga son os postos de artesanía que participan nesta primeira edición.

Ademais destes postos, durante o día haberá obradoiros patrocinados por Artesanía de Galicia, para os que se require inscrición no propio día do mercado, concertos das formacións Mallou, ás 12.30 horas, e The Cuncas, ás 19.30 horas, para os que se require inscrición previa a través dos formularios dispoñibles na páxina web municipal. s. s.