Noite Aberta e Black Friday con animación na rúa en Boiro

Comercio local
Suso Souto
Pola esquerda, a edil de Cultura, María Outeiral; o alcalde, José Ramón Romero; e o presidente da patronal, Daniel García, na presentación das actividades. Foto: ABE

Boiro. A patronal e o Concello de Boiro organizaron un programa dobre para esta fin de semana, con importantes descontos en comercios e animación nas rúas. O venres 26 terá lugar o Black Friday, e o sábado haberá unha nova edición da Noite Aberta, que se sumará ás actividades especiais nas tendas con degustacións, agasallos e sorteos.

Os clientes que realicen as súas compras eses dous días terán premios directos coa Ruleta da Sorte, que estará situada o sábado na rúa Pablo Iglesias de 16.30 a 20.30 horas. E cada tique de máis de 10 € do venres ou do sábado dará dereito a realizar unha tirada coa que os clientes poderán gañar agasallos directos, como tazas, bolsas de algodón orgánico, golosinas, xoguetes, colgantes e brazaletes para o móbil, mochilas...

En canto á animación nas rúas, o venres ás 18.30 haberá os espectáculos Os trasnos revoltosos (Sarao Animación); e ás 20.30, Blues do País, na Terraza do Barbantia.

O sábado, de 11.30 a 13.30 horas haberá obradoiros de reciclaxe e maquillaxe creativo para nenos e nenas na rúa peonil. Tamén haberá espectáculos itinerantes: ás 12.30, con Mekánica Rolling Band; ás 17.30, Damas das rosas e photocall; ás 18.30, Mezzo, e ás 20.00, Coro Encaixe. s. s.