Nova Galega de Danza reinaugurará o Pazo de Goiáns co premiado espectáculo ‘Leira’

Terá lugar este luns ás 21.30 horas, con entrada de balde, e exalta o traballo no campo, cos bailaríns pisando a terra
Danza
Suso Souto
Unha representación do espectáculo Leira, de Nova Galega de Danza. Foto: Xan Domínguez

Boiro. O histórico Pazo de Goiáns, de Boiro, festexará a súa reapertura, tras a profunda rehabilitación á que foi sometido, o vindeiro luns 16 ás 21.30 horas coa representación de Leira, espectáculo da compañía Nova Galega de Danza, dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz. O espectáculo forma parte da programación do Concello de Boiro polo Día das Letras Galegas e ofrecerá entrada de balde.

Leira, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego, amosa unha exaltación da labor do campo por medio do corpo e da terra. Danza e música representan a agricultura tradicional galega e a dureza da mesma durante todas as estacións do ano, día e noite, baixo vento, chuvia ou xeada.

O corpo de danza de Leira, composto por catro bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Pablo Sánchez e Iván Villar), desenvolverá unha coreografía na que os artistas xogan cunha escenografía minimalista sobre un chan de terra, unha terra que remata sendo unha protagonista máis desta exitosa e galardoada proposta escénica.

Nova Galega de Danza vén de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar nesta peza, pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza.

Este fito sitúa á mencionada compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardoada en ámbito nacional por este certame promovido pola Sociedad General de Autores y Editores (SGAE).

Ademais, na pasada fin de semana Nova Galega de Danza obtivo o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. s. souto