Nova tempada de actividades de lecer para os maiores ribeirenses

Ademais de talleres de memoria ou de artes plásticas, este ano van realizar sendeirismo
persoas maiores
Suso Souto
Ana Barreiro, esquerda, e Francisca Vidal, na presentación da programación para os maiores. Foto: C.R.

Ribeira. O Programa de Dinamización Social e Cultural das Persoas Maiores que promove a concellería de Servizos Sociais de Ribeira afronta unha nova tempada na que, pese a estar aínda marcada pola pandemia, está en disposición de ofrecer seis actividades que se prolongarán dende mediados de outubro ata o vindeiro mes de xuño.

A concelleira de Servizos Sociais, Ana Barreiro, acompañada da xefa de servizo deste departamento, Francisca Vidal, desgranou as diversas actividades que forman parte do programa, entre as que terán lugar as xa consolidadas, como por exemplo os obradoiros de estimulación da mente (talleres de memoria), de enriquecemento educativo, de lingua e cultura galega e de artes plásticas.

Ademais, unha novidade serán as rutas de sendeirismo dende distintas parroquias.

Asimesmo, dado o interese manifestado por moitos usuarios para que se retome a ximnasia adaptada (que o pasado ano non puido ter lugar debido ao COVID) Ana Barreiro dixo que se abrirá un prazo de preinscrición no que queda de mes para coñecer cantas persoas desexarían participar para así agrupalas.

O PRAZO ESTÁ ABERTO. Por outra banda, no tocante ao resto de actividades, os prazos para formalizar as inscricións están abertos e pódense facer tanto na Oficina de Atención Cidadá ubicada na planta baixa da casa consistorial como no departamento municipal de Servizos Sociais ao longo do presente mes de setembro. s. souto