O rapeiro galego Hard GZ, primeiro artista confirmado do Rompetiño Jump

Festival de cultura urbana
Suso Souto
CAMISETAS. Os cativos co RPTeam de Porto do Son coas novas camisetas do festival Rompetiño Jump. Foto: F.R.

Porto do Son. A organización do festival de cultura urbana Rompetiño Jump, que se celebra cada ano en Porto do Son, e a firma Rompiente Clothing (creada en base a un proxecto de 4º da ESO do instituto local) fixeron entrega das prendas de roupa do novo equipamento aos cativos do equipo RPTeam e á presidenta co Porto do Son C.F., Inma Torres. Foi nun acto no que se deu a coñecer a identidade do primeiro artista confirmado para a vindeira edición do festival. Trátase do rapeiro galego afincado en Barcelona Hard GZ, e a nova provocou mada menos que 5.500 comentarios no Instagram do Rompetiño Junmp.

“Seguindo a nosa política de impacto no rural a través das novas promesas tanto culturais como deportivas, decidimos comezar o ano cun agasallo de Reis moi especial, ofrecendo 132 sudadeiras da marca Rompiente ao equipo de fútbol da localidade de Porto do Son, vila onde se realiza o festival Rompetiño Jump. A doazón está valorada nuns cinco mil euros e pretende servir de apoio ás familias nos agasallos destas datas tan sinaladas para valorar a implicación dos máis pequenos no deporte como fórmula de ocio”, sinala Francisco Alvite, representante da organización do festival.

“Consideramos que o equilibrio entre deporte e cultura deben ir sempre da man, e como as orixes do Rompetiño Jump, os nenos e nenas da vila deben levar con moito orgullo a marca de roupa nacida tamén no concello de Porto do Son”, engade. s. souto