Seis municipios da comarca recibirán achegas para mellorar as infraestruturas // As subvencións cubren o setenta por cento do total // O importe global son 2,3 millóns TEXTO Alba Prada

Obstinada loita por levantar as zonas do rural despoboadas

Infraestruturas
Alba Prada
Imaxe da aldea de Pomar, sita na parroquia de Castelo. Foto: C. Trazo

Traballos de saneamento, de mellora de pluviais e do tecido eléctrico ou de arranxo de estradas con ánimo de aumentar a seguridade viaria. Son todos eles servizos básicos, fundamentais, sen os cales non se concibe un día a día cómodo, pero que, lamentablemente, aínda deixan moito que desexar en certas parroquias do rural. Precisamente coa idea de reducir pouco a pouco esos problemas que diferenzan tanto ás aldeas das urbes, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais nun total de 39 concellos galegos, por un importe global de preto de 2,3 millóns de euros.

Tal e como se publicaba esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta orde de axudas vai dirixida á creación ou mellora de infraestruturas en municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes. O obxectivo, segundo fixeron saber dende o Goberno galego, é “humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación”.

En todo caso as subvencións cubren o 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido). “As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos”, puntualizan dende a Xunta.

Son un total de seis os municipos da comarca que se verán beneficiados desta orde de axudas. Dumbría recibirá a subvención para mellorar as redes de abastecemento e saneamento no núcleo do Ézaro, e Muros poderá humanizar a Rúa Real nunha primeira fase. Ordes, pola súa parte, empregará esta achega na praza do centrosociocomunitario Isabel Zendal, e Porto do Son destinará a súa parte a arranxar o tramo oeste da rúa Santa Irene. Teo, pola súa banda, restaurará os aseos do campo de fútbol de Cacheiras. O municipio de Trazo dotará por fin da rede de augas pluviais o núcleo de O Pomar. A aportación da Xunta é de 47.366,24 euros.

Dende o Goberno galego lembran que nos orzamentos de 2021 teñen reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.