Organizan un certame infantil de fotografía de peixes na praia ribeirense de Río Azor

Certamen de fotografía
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Javier Sampedro, segundo pola esquerda, e Héctor Costa, flanqueados por Álvaro e Javier Costa na presentación. Foto: C.R.

Ribeira. A praia ribeirense de Río Azor vai albergar o vindeiro día 21 a segunda edición do Campionato Infantil de Fotografía de Peixes, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas en colaboración co Concello e o Club Subacuático Sotavento. Na presentación participaron o concelleiro de Deportes, Javier Sampedro; Héctor Costa, en representación da federación; e dous dos futuros participantes (os rapaces Álvaro e Javier Costa).

O campionato está dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos, unha franxa de idade na que, segundo explicou Costa, non hai competicións oficiais, xa que estas comezan a partir dos 16 anos, polo que pode ser unha boa oportunidade de inicialos nesta disciplina e involucralos en actividades no mundo do mar.

A cita dará comezo ás dez e media da mañá cunha concentración no entorno da praia e ás once arrancará o certame, que se prolongará ata a unha da tarde, hora na que se recollerán as tarxetas das cámaras e un xurado revisará as instantáneas capturadas para a clasificación. Nas dúas horas de competición os participantes poderán entrar e saír da auga cantas veces queiran. s. s.