Organizan unha degustación de petiscos feitos con produto local na praza de abastos pobrense

Mercados
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Manuel Pardavila, Charo Varela, centro, e Sara Sánchez, na presentación da campaña Quere o teu mercado. Foto: C. da Pobra

A Pobra. A praza de abastos da Pobra do Caramiñal participa na campaña internacional Quere o teu mercado, coa cal se busca pór en valor o papel dos mercados municipais como axentes revitalizadores das vilas onde se atopan, ademais de ofrecer un amplo abano de alimentos frescos e de calidade con atención personalizada. Foméntase así o consumo de produtos de proximidade, contribuíndo tamén á dinamización da economía local.

A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela; a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e o responsable do mercado municipal pobrense, Manuel Pardavila, anunciaron que o vindeiro sábado 28, dende as 11.30 ata as 12.30 horas, desenvolveranse na praza de abastos unha degustación de petiscos elaborados a base de produto local por parte da cafetaría do centro sociocomunitario e actividades de animación musical tradicional da man do grupo Trécola. A maiores, repartirase material promocional entre os praceiros doado pola Xunta.

Estas actividades adscríbense ao programa que impulsa a Dirección Xeral de Comercio e Consumo para promocionar os mercados. s. s.