Os cativos de Lousame festexan o Día do Libro con talleres de reciclaxe

Día do Libro
Suso Souto
OBRADOIROS. Tres nenas participando nun dos obradoiros na casa da cultura. Foto: C.L.

LOUSAME. Ducias de nenos e nenas de Lousame, de entre 3 e 12 anos, e as súas familias participaron este sábado na casa da cultura Santeiros de Chave da programación deseñada para conmemorar o Día do Libro. Unha programación que o Concello fixo xirar en torno á reciclaxe e o coidado do medio ambiente, da man da ilustradora sonense Sara Iglesias Vázquez, que primeiro fixo un percorrido pola exposición Involución, que está dedicada ó planeta Terra, e despois ofreceu o contacontos titulado Balbina e rematou cuns obradoiros para as crianzas. “Balbina é un conto ilustrado que fixen en homenaxe á miña avoa de 101 anos, xa que a ela de pequena lle pasou esa historia”, explicou Sara Iglesias. “Ela quería ir á festa pero non tiña zapatos e os que tiña estaban todos rotos. Co material que encontrou pola casa puido crear algúns”, engadiu. S. Souto