Os pobrenses descubrirán a obra de Florencio Delgado cun ‘escape room’

Letras Galegas 2022
Suso Souto
O PROGRAMA. A edil de Cultura, Patricia Lojo, esquerda, e a técnica municipal, Fita Sanisidro, ante o programa. Foto: C.

A Pobra. O Concello da Pobra celebrará o Maio das Letras cunha extensa programación na que a obra de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas, terá gran protagonismo nas rúas. Así, os días 9 e 10, o estudantado do instituto local aventurarase no escape room titulado Na procura do galego, focalizado nunha recreación do dormitorio de Florencio Delgado no mesmo día en que decide saír de España. Para completar o desafío deberán descubrir diversos documentos importantes para o futuro da literatura galega.

O día 14 emprenderase a xincana infantil Na busca das letras, para a cal se recollerá o material no Cantón da Leña, ás 17.30 horas. Percorreranse distintas rúas e prazas da vila buscando información sobre escritores galegos que levarán a descubrir o código que abre o cofre máxico e contén agasallos para todas as persoas participantes.

Tamén o Cantón da Leña acollerá o día 16, ás 18.00 horas, a Primavera das Letras da Real Academia Galega, que consistirá no obradoiro Coloreando con Florencio e no contacontos Son o poeta que cruzou o océano, con texto de Ledicia Costa e ilustración de Blanca Millán. A narración oral continuará o día 19 cun novo contacontos, O eco das pedras, a cargo de Raquel Queizás na biblioteca municipal ás 18.00 horas. Xa o día 17, ás 12.30, terá lugar a apertura da mostra Letras Galegas 2022. Florencio Delgado Gurriarán, que se instalará na alameda, e a lectura de poemas a cargo de Eiradela. s. s.