Outes crea un directorio web dos comercios locais que ten xa 150 tendas

O escaparate virtual abarca oito sectores e permite xeolocalizar os establecementos
Comercio local
Suso Souto
O alcalde de Outes, Manuel González.

Outes. O Concello de Outes puxo en marcha un directorio web do comercio de proximidade co que pretende que os establecementos locais gañen visibilidade e a veciñanza poida consultar información de interese sobre eles. O enderezo de acceso é www.comercio.outes.gal.

O alcalde, Manuel González, dixo que “esta plataforma servirá como escaparate virtual para todos os comercios da localidade e está pensada para facilitar aos negocios o seu posicionamento online”.

O rexedor engadiu que “permite facer buscas para saber onde se atopan a través da súa xeolocalización e para contactar con eles”.

A páxina web dispón dun apartado de novas onde se irán subindo todas as novidades que sexan do interese do comercio outense. O sitio web comeza a súa andaina inicial con 150 establecementos divididos en oito categorías: alimentación, banca, comercio, hostalería, servizos profesionais, salóns de beleza, servizos sanitarios e talleres.

Por outra danda, o mandatario indica que pode haber erros ou omisións no mencionado directorio, polo que lle pide aos comerciantes que contacten coa administración local se os detectan.

O obxectivo desta iniciativa “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido comercial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou finalmente ao respecto o mandatario municipal. s. souto