A Deputación coruñesa vainas incluir nas axudas á conservación do patrimonio público // Na provincia contabilízanse ao redor de 70, xestionadas por asociacións federadas en Culturmar, todas elas destinadas a fins sociais e culturais TEXTO M . Boo

Paso adiante das embarcacións tradicionais para poder sobrevivir

Patrimonio
Manuel Boo
Xosé Lois Penas, pola esquerda, Manolo Sendón, Pepe Sacau e Xosé Regueira na xuntanza que mantiveron no porto de Muros. Foto: D.C.

O vicepresidente da Deputación provincial da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron unha xuntanza con Pepe Sacau e Manolo Sendón, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial Culturmar.

O encontro, que tivo lugar este venres no porto de Muros, fixaba o seu obxectivo en coñecer de primeira man as necesidades das entidades titulares de embarcacións tradicionais e históricas, coa intención de incluílas na liña de axudas para a conservación e mantemento do patrimonio público na que está a traballar na actualidade a Deputación.

Segundo lles explicou Xosé Regueira aos representantes de Culturmar, o departamento provincial de Turismo e Patrimonio Histórico está ultimando unha liña de axudas, que convocará neste exercicio por primeira vez, co obxecto de atender unha das principais preocupacións das entidades titulares de elementos patrimoniais, como é a súa conservación e mantemento periódico.

“Ao incluír as embarcacións tradicionais nesta liña de subvencións”, explica Xosé Regueira, “estamos dando resposta a unha demanda histórica por parte das entidades que xestionan este tipo de patrimonio e que carecen de actividades económicas propias que lles permitan asumir os custes que supón a conservación destas embarcacións, que ademais son un recurso patrimonial dun valor cultural incalculable”. Na xuntanza, Pepe Sacau expuxo as principais dificultades ás que se soen enfrontar as asociacións federadas en Culturmar, que se centran en asumir as reparacións puntuais das embarcacións, así como as tarefas de mantemento periódicas que precisan para evitar o seu deterioro.

Durante a reunión perfiláronse ademáis cuestións de carácter técnico como as características das embarcacións que deben incluírse na convocatoria e o seu uso con carácter social e cultural.

Na provincia da Coruña existen ao redor de setenta embarcacións históricas que son titularidade das entidades da federación Culturmar.

As principais asociacións que xestionan este tipo de patrimonio situánse en Rianxo, Boiro, Cabo de Cruz, Ribeira, Noia, O Freixo, Muros, Carnota, Sada e Ferrol.

Tratáse de embarcacións de diversa tipoloxía e tamaño, que teñen en común características básicas como estar construídas en madeira e cuxo sistema principal de propulsión é o remo e a vela. Todas elas están destinadas a usos culturais e sociais, como os cursos de vela, as concentracións de embarcacións tradicionais e outras iniciativas de difusión da tradición marítima galega e da carpintería de ribeira.

Culturmar convoca cada dous anos dende 1993, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia entre as súas asociacións. A este evento están convidadas tamén entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial. Coa vista posta no turismo sostible, estos encontros tamén dinamizan sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo protéxese, consérvase e divúlgase o patrimonio marítimo e fluvial galego.