Pedirá o Cemma o peche da praia de Ornanda polo “acoso” ao arroaz Confi

Especies en peligro
Suso Souto
O AREAL. Panorámica da praia de Ornanda, unha das máis turísticas de O Son. Foto: C.O.

O SON. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) solicitará ao Concello de O Son o peche ao baño da praia de Ornanda ante o acoso ao que numerosas persoas están a someter ao arroaz Confi. “Os bañistas que entran en contacto co arroaz corren un grande risco de contaxio de enfermidades e non saben comportarse con dignidade fronte a un animal salvaxe pertencente a unha especie protexida”, indica o Cemma. Engade que “a este comportamento incívico dunha parte do público” súmase a ameaza que supón o achegamento “de centos de persoas” sen respectar a distancia de seguridade pola COVID e sen mascarilla, “podendo contaxiar ó animal”, pois é un mamífero e pode sufrir as mesmas enfermidades que os humanos, que á vez “poden contaxiarse de neumonía e enfermidades víricas epidérmicas”. s. s.