Piden dragar os Lombos do Ulla para frear a mortandade dos bivalvos

Torrado advirte que a area acumúlase nun lado, canalizando así a auga doce dun encoro
Marisqueo
Suso Souto
Julio Torrado, terceiro pola dereita, nunha recente visita ós Lombos do Ulla. Foto: PSdeG

Rianxo. O portavoz de Marisqueo do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, reclamoulle este martes á Xunta que execute con urxencia a dragaxe dos Lombos do Ulla para frear a mortandade no que foi un dos principais bancos marisqueiros de Galicia.

Torrado presentou unha proposición non de lei (rexeitada polo PP) na que reclama un informe técnico sobre a súa situación dos Lombos.

“Por moito que a Xunta e o PP digan que teñen feito informes sobre o banco marisqueiro, o certo é que ninguén os coñece e ninguén sabe da súa execución”, sinalou.

O deputado socialista denunciou “o desleixo do Goberno galego, que mira para outro lado mentres centos de familias levan 5 meses sen poder traballar e perden a campaña cunhas axudas da Xunta deseñadas para que non poidan acceder a elas”.

Torrado acusou ao Goberno galego de “deixar que o bivalvo morra e no futuro algunha multinacional se faga cargo da produción, e entón si que aparezan as dragaxes”.

Tamén dixo que “os cambios das correntes, provocados pola construción de infraestruturas, fan que a area se acumule nun lado, canalizando a auga doce que procede dos baleirados do encoro de Portodemouros precisamente na zona de explotación. O aumento da auga doce altera a salinidade e a temperatura das augas, provocando desta volta a morte do 98 por cento dos bivalvos e a perda total da produción”.

Lembrou ademais que o banco chegou a facturar oito millóns de euros anuais. s. s.