Piden introducir zonas verdes na ribeirense avenida das Carolinas
Ribeira. O BNG de Ribeira considera que a cidade carece de zonas verdes e que se fai imprescindible aumentar a vexetación que hai nas rúas e prazas do municipio para mellorar a calidade do aire e a calidade de vida das veciñas e dos veciños, “sobre todo nun contexto de pandemia onde tan necesarios son os espazos ao aire libre”.
A formación presentou no Concello un plan denominado Reverdecer Ribeira para que o casco urbano e as parroquias gañen espazos verdes. Por outra banda, o Bloque propón aproveitar a reforma da avenida das Carolinas (en execución) para aumentar o número de árbores e arbustos. Asegura que “se algo precisamos en Ribeira é menos cemento e máis vexetación e espazos de ocio, porque os espazos verdes, as árbores e as plantas na cidade melloran a calidade de vida das veciñas e veciños contribuíndo á creación dun ambiente social, de convivencia e de educación ambiental, e mesmo revalorizan o prezo dos inmobles e locais que hai nesas rúas”, sinalan.
Os nacionalistas solicitan que o Concello aproveite ditas obras de remodelación para plantar árbores de medio e gran porte e aumentar o número das mesmas nas rúas do casco urbano e parroquias, e os espazos verdes. s. s.