Piden limpar as marxes fluviais a man en Ribeira

Limpeza de ríos
Suso Souto
Cauce do río Artes, en Ribeira. Foto: BNG

RIBEIRA. O BNG de Ribeira rexistrou unha iniciativa instando ó Concello a realizar as limpezas, cortas, podas e demais tarefas de adecuación dos contornos fluviais con medios manuais, e non con maquinaria, para que sexan compatibles coa preservación da biodiversidade, tanto de flora como de fauna, que existe nestes hábitats. Segundo a formación, “é importante preservar as árbores autóctonas que nacen ás marxes dos contornos fluviais, pois é común ver como despois de temporais algunhas caen. Si se realizan as limpezas por medios mecánicos, estarase impedindo a rexeneración natural e o crecemento de especies autóctonas que contribúen a evitar a erosión da corrente de auga”. Asimesmo, o Bloque de Ribeira explica que “tras os últimos temporais houbo importantes subas no nivel da auga”, polo que considera importante realizar labores de adecuación de marxes e retirada de árbores caídas que obstrúen o leito fluvial. S. S.