Piden máis mantemento das pasarelas en Ribeira

Pasarela
Suso Souto
Treito da pasarela de madeira de Coroso. Foto: BNG

Ribeira. O BNG de Ribeira critica o mal estado de moitas das estruturas de madeira que hai no municipio destinadas ao paseo. Así, en Coroso hai numerosas táboas estragadas ou con buratos na pasarela que hai no tramo final do paseo, e supoñen un perigo.

A formación asegura que este non é un caso illado e que noutros lugares tamén hai estragos nos camiños e nas pasarelas de madeira que non se arranxan “por desidia do goberno local”. Neste sentido, recolle as queixas de usuarios e usuarias dos paseos que, ademais da reposición das pasarelas e mantemento dos camiños, reclaman aumentar a limpeza, pois nos areais poden verse moitos plásticos e outros residuos contaminantes. O Bloque lembrou a súa iniciativa aprobada por unanimidade en decembro para loitar contra os plásticos nos areais e pide que se dea cumprimento aos acordos.

Segundo os nacionalistas “nalgúns casos, haberá que substituír algunhas destas infraestruturas, xa que o seu estado non permite o arranxo” e “co bo tempo vaise incrementar o número de camiñantes nestes espazos”. s. s.